Saturday 27 de April de 2024

A Xunta rehabilita 26 edificios públicos con especial fincapé na eficiencia enerxética grazas ao investimento de 27,3 M€ de Fondos Europeos


— Unha ampla maioría dos inmobles, 21 en total, son centros educativos de 16 concellos que xa están a mellorar con novas luminarias, optimización da calefacción, renovación das ventás ou cambio das cubertas, entre outras medidas

— Tamén se actuará no Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, o centro de interpretación do Xurés, o centro de visitantes do Invernadeiro, o edificio administrativo de Medio Ambiente e os antigos xulgados da rúa Lalín, en Vigo

— Está previsto que estas actuacións mobilicen un orzamento total de 40 millóns de euros, ao contar con case 13 millóns de euros de financiamento autonómico

Xunta de Galicia está a levar a cabo a rehabilitación de 26 edificios de titularidade autonómica, con especial fincapé nas actuacións de mellora da eficiencia enerxética, grazas ao investimento de algo máis de 27,3 millóns de euros que recibirá de fondos europeos Next Generation.

Finalmente este foi o número de proxectos aceptados que corresponden á Comunidade autónoma, despois de traballar polo miúdo en cada un deles para que se adaptasen ás características requiridas no programa.

Unha ampla maioría dos edificios públicos, 21 en total, corresponden á Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Trátase de obras en centros educativos de 16 concellos, a maioría xa en marcha, que están a ver mellorada a súa eficiencia enerxética con novas luminarias, optimización da calefacción, substitución da carpintería exterior, renovación das ventás ou cambio das cubertas, entre outras medidas. Estes traballos realízanse seguindo o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, aprobado hai uns meses e que deseña un modelo de escolas poscovid.

Outros catro inmobles son propiedade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que ademais é o departamento encargado de xestionar estas subvencións. Neste caso, trátase do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, localizado na Coruña; o centro de interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, en Lobios; o centro de recepción de visitantes do Parque Natural O Invernadeiro, en Vilariño de Conso; e o edificio administrativo da Consellería, situado en San Lázaro (Santiago de Compostela), onde se reducirá o consumo de enerxía nun 50%.

Así mesmo, tamén se rehabilitarán os antigos xulgados da rúa Lalín, en Vigo —propiedade da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo—, co fin de albergar novos espazos destinados a asociacións e entidades sociais da cidade. Neste caso, modificarase completamente a súa envolvente térmica.

Cómpre sinalar que os inmobles teñen todos unha data de antigüidade anterior a 2009, tal e como estaba indicado no programa. As obras deberán cumprir os requisitos dunha redución do consumo de enerxía dun mínimo do 30% e unha política na que polo menos un 70% dos residuos de construción e demolición se preparen para reciclaxe e reutilización. Ademais, terán que seguir destinados a uso público e manter ese uso un mínimo de 20 anos desde o fin das actuacións.

En total, está previsto que estas actuacións mobilicen un orzamento total de 40 millóns de euros, posto que contarán con case 13 millóns de euros de financiamento autonómico. As obras poden adxudicarse ata o vindeiro ano nalgúns casos (Fase 1) e ata finais 2024 noutros (Fase 2), aínda que a Xunta está a traballar para que a rehabilitación sexa unha realidade canto antes.

En cada un dos edificios, as obras destinadas exclusivamente a eficiencia enerxética, a ampla maioría, son financiadas ao 100% —agás os impostos—, mentres as de mellora de habitabilidade ou accesibilidade poden chegar ata o 85%.

As actuacións que se relacionan a continuación ratificáronse este xoves coa sinatura do convenio entre a Xunta de Galicia —representada pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez— e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana —representado pola secretaria de Estado, Isabel Pardo de Vera—, no marco do Programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos (Pirep).